Así foi o Camiña e Cata Viña Moraima
A terceira vai a vencida! Por fin podemos estrear as xornadas de Camiña e Cata do 2024!
Unha casiña para morcegos, historias de rapaces xogando na carballeira de Genoveva, do que so queda un carballo. Enorme e precioso. Que obtivo a gracia por mediación de David. Salvoulle a vida para non perder, polo menos no recordo, ese barullo de nenos facendo das súas... Como tirar enormes bobinas de cable polas ladeiras de Vilar 😃
David nos acompaña ate o novo viñedo que está facendo detrás da Aldeiña. Antes pasamos pola igrexa. Flanqueada polos novos viñedos do que fora alcalde de Barro: Landín. Antes non se decía alcalde. Dicíase Landín. Como tampouco se di prensa en Vigo 😀
Entre a calor, a costiña que hai que subir, tanta información... había que tomarlle unha!
O pesado do guía insistiu en que tiñamos que seguir o camiño para non chegar tarde a Moraima. Inda por riba meteunos monte a través un par de veces. A última para chegar a Capela das Virtudes. Os mais listos baixaron pola carretera 😅
Despois seguimos coa copa na man, os oidos en Roberto... e os ollos na comida.
Sabíamos que íamos probar os brancos Aba e Moraima e o Ratiño (apodado Mausiño a espera de poder ser comercializado).
Pero non contábamos co Moraima Memoria. O novo proxecto estrela da adega. Albariño seleccionado e con barrica. Como mandan os tempos. Dicía Roberto que inda lle faltaba un pouco de tempo na botella. Eu xa o notei redondo. Un auténtico pracer! E gracias pola deferencia!!
E supoño que non podía ser de outro modo. En Barro, da man de xente amiga (Roberto Rivas de Viña Moraima e David Abal, viticultor, Cooperativista de Martin Codax e familiar), pasando pola aldea do meu pai, Valiñas ( https://bikeandwinegalicia.wordpress.com/2023/10/08/un-canto-a-valinas-jei/) e disfrutando dun auténtico diazo de sol!
Visto así, normal que nos xuntáramos un nutrido grupo. Case chegamos aos 30!
Quedamos as 10.00h en Moraima para empezar a camiñar e salvo unha parelliña, todos chegaron en hora.
As producións por hectárea distan muito do máximo permitido pola D.O. Eles so chegan aos 6.000 Kg/H. Os motores vellos nin metendo a directa...
A primeira parada no Illó, en Valiñas. Alí nos esperaba Roberto para contarnos como se fai uva por estos lares. Para empezar explicounos que é o patrón directo (ou pe franco, inda que a Roberto non lle gusta muito esta segunda acepción 😉) Para que non o saiba esta zona do Salnés aguantou ben o ataque da Filoxera e non tivo que ser inxertada co patrón americano. De ahí que se fale de patrón directo.
En Valiñas meten todos a directa 💨😏!
Cepas antigas, muitas. Na foto se ven eses grosores. En tempos non se desperdiciaba nin a entrada a casa. O carallo era vendimiala! Agora, ten un convenio co Obradoiro de Santiago que en plena pre-tempada veñen facer vendima e levantamento de capachos 😃
Ademáis está o Caiño Tinto. Que apodrece con facilidade e obriga a estar alerta: "O Caiño tinto está bo para vendimar aproximadamente... uns 5 minutos".
Nesta viña teñen Caiño e Ratiño. Unha uva que non estaba nin recoñecida no Ministerio ate ben pouco. Moraima levou a cabo todo o proceso de legalizala e tamén está agora traballando para incluila na D. O. Rias Baixas. 10 anos levan co proceso...
E dende aquí pasamos por Piñeiro (o Downtown de Valiñas) esquivando as casas dos meus tíos, non vaia ser que insistan en parar a tomar un viño, que son moi capaces de dar de beber a 30!
Cóntanos un pouco por qué deixa o traballo na city e volve a aldea a traballar nas viñas. Recolle as viñas do pai e planta novas. Agora mesmo son 3.5 Ha e espera poder chegar as 4. Cantidade a miudo referida como o mínimo para poder vivir das viñas. No seu favor, contan con ser cooperativistas de Martin Códax que lles garante un bo prezo na uva ademais de outras vantaxes, como por exemplo, o "Erasmus" de viticultores que está facendo. A semana seguinte a nosa visita vai a Francia a coñecer os métodos dun colega gabacho. Nos, en Vigo, xusto estaremos botándoos fora da cidade 😁
A seguinte parada foi na de Agustín. Un veciño cunhas cepas vellas espectaculares. Case árbores. Non é de extrañar que o bo de Xurxo de Albamar as esté levando. Caiño tinto de patrón directo, of course!
En cambio pasamos por diante de Adegas do Rexurdir e mais tarde diante da plantacion nova que están facendo:
Só nos queda atrás a Cabana das Bolboretas, que está na Esquiza, a desmán da nosa ruta. Citamos eiquí a Roberto "Para min, teñen o mellor espumoso de Galicia, o Górgola". E que non me esqueza de recomendar a viñoteca que él ten no mercado de Abastos de Santiago. O nome non o podedes nin imaxinar: A Viñoteca do Mercado. Unha esquiniña moi cuca, a rebosar de viñazos galegos.
Imos cara a Vilar a atoparnos con David. Que nos espera no pe da viña para que atallemos por ela.
O tour inclúe visita á extrema da finca Genoveva (sen nengún ánimo de mover os marcos ) para ver, mellor dito imaxinar, a finca que leva Forjas del Salnés para os seus viños Albariño Leirana e Caiño Genoveva. Ademáis desta espectacular cepa de Espadeiro que ten un viñedo enteiro dedicado:
A idade da cepa non se sabe. Entre os 100 anos e os 200. Ese pequeno marxe...
Mira que fresquiños estamos na Fervenza de Barosa! Menos mal que non fixemos a foto arriba no Muiño do Valerio 😇
Aproveitamos para sacar os snacks e presenciamos o ataque dun parrulo ao bocadillo dun neno. Seguido da defensa, non moi convencida, da súa nai. A mirada impasible do pai. O avance do ataque parrulo. A defensa, esta vez cun pau pequeniño, da nai. A entrada no conflicto bélico do pai. Mais avance parrulo. Tensión en aumento. Situación case desesperada... ate que un Guarda Civil do público decidiu intervir e someter o pato famento 😀
Estas escenas non se dan nos bares convencionais...
Tanta presa e chegamos antes de tempo! Inda están poñendo a mesa. Non pasa nada, Roberto é moi capaz de encher eses tempos mortos.
O Ratiño, pola súa banda, é un viño totalmente diferente aos albariños. Rudo, difícil, con moito carácter. Estou seguro que vai facer as delicias da Wineloverada. Mileurista non creo, pero hai que poñelo ben caro para que lles chame a atención 😄
O ABA e o Moraima xa os coñecíamos. O primeiro un viño mais doado. Mais de mercado como di o propio Roberto. E o segundo moito mais persoal. "O viño que queremos facer nós". Esto vai con dedicatoria para Roberto: Francamente bo! 😉
Pola súa banda o Caiño Tinto creo que podo dicir, sen medo a equivocarme, que foi o gañador da xornada. Polo que me gustou e por todos os comentarios que me chegaron. Gustou muito. Sorprendeu. Coma Kennedy que foi a Dallas a levounas...Nos viñemos a por brancos, e levamos co tinto 😅
Bueno, pois so queda dar un millón de grazas. Vou por orden:
A Moraima, e a Roberto en particular, porque nos tratástedes de 12. O 10 queda curto.
A David por deixarse liar, polas historias, pola compañia e a simpatía.
A Loli, Ana e Patri polas súas fotos.
E aos Viño Activos todos; por vir. Pero sobre todo, vir con gañas de camiñar, de aprender, de catar e de pasalo ben. Así da gusto!!
E coma somos bos e xenerosos, como dicía o outro, deixámosvos o enlace da ruta:
https://www.komoot.com/es-es/tour/1481667448
Non temos medo a que nos copien. Ao contrario, copiade canto queirades e facédelle gasto a Moraima que son amigos!
Ate a seguinte 😘
Comentarios
Publicar un comentario